Menu Content/Inhalt
Einstein 1905: ano 0 Imprimir Correo-e

INTRODUCIÓN

Esta charla-conferencia foi preparada inicialmente no marco do “Ano Mundial da Física 2005”. Con todo, os seus contidos non caducan senón que, día a día, están máis de actualidade. As contribucións de A. Einstein á nosa visión actual do mundo seguen tendo plena vixencia. Periodicamente realízanse novos experimentos co fin de afinar a veracidade de moitas das súas teorías. De aí a importancia de achegarnos, con esta actividades específica, á vida e obra deste símbolo do xenio científico.

OBXECTIVOS

  • Coñecer a verdadeira importancia das contribucións de Einstein á física actual.

  • Desmitificar o concepto das “revolucións” científicas.

  • Entender que incluso as figuras máis importantes da física non están libres de equivocarse.

  • Explicar a trascendencia social de Einstein máis alá do ámbito científico.

DESCRICIÓN

Na sección de recursos gratuítos podes descargar as trasparencias que se empregan como apoio visual. O esquema xenérico da presentación é como segue:

  • A situación da física a finais do século XIX. Científicos relevantes, teorías en auxe e fenómenos sen explicación.

  • Primeiras décadas do século XX: a irrupción das novas teorías: a cuántica e a relatividade (especial e xeral).

  • A vida de Einstein. A súa conversión nun prestixioso científico.

  • Os anos 20: a fama e o conflicto. As ideas equivocadas e as discusións cos colegas.

  • Os anos 30 – 40. Os compromisos sociais e coa paz.

Este esquema xeral pode ser variado e adaptado ao público destinatario. Así, cos alumnos de 2º de Bacharelato poderán facerse explicacións sobre relatividade especial, efecto fotoeléctrico e outros fenómenos que forman parte do seu programa escolar. Con escolares doutros niveis educativos faise máis fincapé na súa vida e nos aspectos máis singulares dos seus descubrimentos.

Esta actividade tenta ter un alto contido didáctico polo que é preferíbel a súa programación en grupos pequenos (de ata 50 escolares). Porén, conscientes das limitación dos nosos centros de ensino, pódense adaptar os seus contidos para grupos maiores de asistentes. Antes ben, canto máis homoxéneo sexa o nivel educativo do grupo maior énfase poderá facerse en certos aspectos chave da obra de Einstein.

A charla-conferencia realízase co apoio dunha proxección de trasparencias. Para isto empregamos un proxector e un ordenador portátil, polo que requerimos unha parede branca na aula (ou unha pantalla de proxección).

Esta actividade tamén está dispoñíbel para ser desenvolvida para adultos, co formato de conferencia divulgativa. Así, a súa realización en salóns de actos, casas de cultura... sendo organizada por comunidades escolares, Asociacións de Nais e Pais, concellos... é perfectamente plausíbel.

Acompáñanse abundantes fotografías e gráficos explicativos dalgunhas das teorías máis importantes. Todo o material empregado é orixinal ou, especialmente no caso das fotografías, contamos coas preceptivas autorizacións para o seu uso.

DURACIÓN

A actividade estaba inicialmente prevista para uns 50 minutos. Sen embargo, a experiencia nos di que a materia é moita e o interese dos asistentes tamén; habitualmente exténdese a 60 e 70 minutos. Non temos ningún problema en que a actividade se prolongue sempre que non interfira con outras clases ou actividades. Acostumamos a rematar cunha sesión de preguntas e dúbidas onde se poden ampliar algúns contidos adicionais. Ademais, podes contratar tamén o momento café .

TARIFAS E RESERVA

No apartado de tarifas e reserva podes consultar os prezos e facer a túa solicitude. Hai dispoñíbeis datas e horas para este curso. En anos anteriores, puideron gozar desta actividade nos seguintes institutos:

  • Provincia de Ourense: IES Ferro Couselo (Ourense) e IES Xermán Ancoechea de Pobra de Trives

  • Provincia de Pontevedra: IES Asorey (Cambados), IES Laxeiro (Lalín), IES Pedro Floriani (Redondela), IES Primeiro de Marzo (Baiona), IES Chapela (Redondela), IES Chano Piñeiro (Forcarei), IES República Oriental de Uruguai (Vigo).

  • Provincia de Lugo: IES Perdouro (Burela).

  • Provincia da Coruña: Colexio Peleteiro (Santiago de Compostela), IES Monte Neme (Carballo), IES Terras de Trasancos (Narón), IES Espiñeira (Boiro).

Podes consultar o perfil profesional do docente desta actividade.

 
< Ant.   Seg. >