Menu Content/Inhalt
Inicio arrow Servizos educativos arrow Animación lectora arrow Animación á lectura: proxecto
Animación á lectura: proxecto Imprimir Correo-e

A Animación á Lectura agrupa unha serie de actividades cun obxectivo claro: fomentar os hábitos lectores na poboación. Para isto pódense realizar dous tipos de actividades:

A) Accións puntuais: como contacontos, xogos de animación lectora... ideais para facer no marco da biblioteca pública, escolar. Especialmente en días sinalados como o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o Día das Letras Galegas... No 2006 presentamos unha actividade moi novidosa denominada Os Lingoretas, que inclúe moitas destas actividades tanto de animación lectora como animación lingüística.

B) Campañas: son o instrumento ideal para acadar os obxectivos realmente propostos. Supoñen unha serie de actividades continuadas no tempo, no marco da biblioteca pública ou no colexio. Isto último sería o ideal. A nosa proposta, tal e como se descrebe de seguido, parte dunha hora de actividades para todos os escolares unha vez á semana durante 12 sesións (un trimestre). Realizaríase no marco da biblioteca escolar ou a biblioteca pública, reforzándose así o emprego posterior da mesma. Unha versión resumida do proxecto que describimos de seguido foi executada en Ourense no curso 2004-05. Daquela fora financiada pola Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense. Podes descargar os materiais elaborados polos escolares, como os contos en gran formato e "Os Contos de Dragoleo" (formato: pdf, tamaño: 0,97 MB ), libriño editado con relatos feitos polos participantes. O primeiro ficou en cada centro de ensino participante, pasando a formar parte da dotación da súa biblioteca escolar. Do segundo foron tiradas 300 copias e entregadas aos nenos/as que asistiron á Feira do Libro que os libreiros da cidade organizaron con motivo do Día das Letras.

 

CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA

 

XUSTIFICACIÓN

Na sociedade actual a lectura pasou a segundo plano. Cada vez con máis frecuencia atopamos na nosa mocidade o feito de que ler non atrae. As súas preferencias para o tempo libre están noutras actividades diferentes. Non se trata de criticar esas actividades alternativas, senon de conxugar ese xeito de divertirse e ocupar o lecer cunha actividade máis persoal, educativa, creativa, liberadora e cultural como pode ser a lectura.

Para introducir á nosa mocidade no mundo da lectura non podemos recorrer a antigas fórmulas que están caducas e obsoletas. Hai que por en marcha programas alternativos que os inciten a abrir un libro e perderse nas aventuras que alí aparecen.

A animación á lectura cobra sentido polo tanto coma unha actividade lúdico-creativa que fai da lectura non unha meta a conseguir, senón un medio para acadar outros fins. Trátase de facer ver que coa lectura obtemos pracer, coñecementos, diversión, relación social, aventura...

Isto supón trocar os nosos esquemas mentais e o noso xeito de entender esta actividade, así como os espacios nos que se desenvolve: as bibliotecas. Todo ao redor do libro ten que ser dinamizado e potenciado, propondo determinadas actividades para achegar o libro ás persoas.

Por libro non podemos entender somentes o formato clásico, senón que temos que estar abertos ás novas tecnoloxía, introducíndoas nas nosas bibliotecas e actividades cotiás. A animación, polo tanto, debe telas presentes para poder ser efectiva, e non fomentar o enfrentamento entre dous mundos diferentes.

Achegarnos á lectura supón ademais achegarnos á escrita. Debemos animar a nosa mocidade non somentes a ler, senón a escribir, a facer eles mesmos relatos en diferentes formatos. Descubir que eu tamén teño algo importante que dicir, e que esas ideas miñas cobran vida cando as comunico ós demais, e que se enriquecen cando os outros as leen.

Un programa de Animación á Lectura completo debe partir do coñecemento pleno da realidade na que se vai desenvolver. Se vai ser no centro de ensino, na biblioteca pública, na casa da cultura... a idade dos destinatarios... o equipamento e horario do lugar de traballo...

Non valen tampouco as actividades “espectáculo” dun só día. Estas, se ben poden ser un estupendo prólogo ou epílogo, non nos permiten desenvolver un programa con obxectivos definidos e onde poidamos avaliar resultados.

Na animación á Lectura que nos defendemos hai que programa-las diferentes sesións “in crescendo” de xeito que o contacto cos libros dos participantes sexa pouco a pouco. A lectura non é o medio do proxecto, senón o fin que se pretende acadar. Todo isto, evidentemente, ten que ir acompañado dunha boa dotación da biblioteca onde se desenvolva a actividade, xunto cun horario e persoal axeitado para que logo do programa os nenos e nenas poidan ter acceso é lectura.

 

INTRODUCIÓN

 

Presentamos aquí un anteproxecto de Animación á Lectura Infantil e Xuvenil. O proxecto definitivo será elaborado tralo estudio concreto e real dos futuros participantes, o entorno, e o lugar onde se vaia a desenvolver a campaña: a biblioteca escolar ou ben a biblioteca pública.

As actividades de Animación á Lectura poden adaptarse a cáseque calquera entorno e grupo de idade. Con todo, co fin de concretar, nós imos considerar unha serie de características técnicas co fin de concretar a realidade do noso anteproxecto.

Entorno: biblioteca escolar ou pública.

Idades: por determinar. Preferentemente, 6-12 anos.

Temporización: un trimestre.

Sesións: unha sesión semanal, ata un total de 12 sesións para cada aula.

DESCRICIÓN

O noso proxecto de Animación á Lectura fundaméntase no desenvolvemento dunha serie de actividades lúdicas e de participación. Fuximos en todo momento do espectáculo. O contacto dos participantes cos libros é gradual e completo. Como se describe na programación posterior, estructúranse as diferentes sesións de xeito progresivo cun obxectivo final claro.

Neste proxecto os escolares acoden en horario lectivo e por aulas á biblioteca. Pode ser tanto a biblioteca escolar como a biblioteca pública. A duración do programa de Animación á Lectura que propomos ten catorce sesións. Pódese programar unha maior duración con máis sesións. Cada grupo terá unha sesión semanal cunha duración igual á hora de clase.

Como proxecto conductor das distintas sesións queremos acadar que os nenos e nenas escriban un libro. Este libro será presentado "en sociedade" na derradeira semana do programa, facendo unha festa final e invitando ós medios de comunicación social da zona e a un escritor de literatura infantil. Incluso se pode organizar unha “feira do libro infantil e xuvenil” coa colaboración dos escolares durante a última semana.

ACTIVIDADES

Describimos aquí un número determinado de sesións, que definen a estructura da programación da Campaña de Animación á Lectura.

1.-Actividades de atracción: Con estas actividades pretendemos acadar que os nenos perdan "o medo" á biblioteca, e descubran nela un amplo mundo de diversión. Estas actividades terán unha duración de dúas sesións en cada grupo distribuidas do seguinte xeito:

1.1.-Presentación da actividade: falarase uns intres cos rapaces sobre que é "animación á lectura", preguntándolles que opinan eles sobre o tema. Acabaremos con algunha técnica Rodari.

1.2.- A segunda sesión iníciase coa narración dun conto por parte do animador, traballando sobre el.

2.- Actividades de coñecemento da biblioteca: Agora pretendemos que os rapaces coñezan o espacio físico da biblioteca e os libros que hai na mesma. Pode ter unha duración de catro sesións:

2.1.- A primeira sesión comenzará coa narración dun conto por parte do monitor, conto que terá que ver dalgún xeito coa biblioteca. A continuación farase un xogo para que os rapaces collan un libro e lean.

2.2.- Na segunda sesión xogaremos os detectives. Aquí os rapaces xa terán que traballar con diferentes libros.

2.3.- O/A autor/a. Escolleremos un autor/a que estea ben representado na biblioteca por varios dos seus libros (tamén se poden escoller varios autores). Durante esta sesión e a seguinte os escolares realizarán diversos xogos e actividades en torno ás súas obras, personaxes, ambientes…

2.4.- Continuación do anterior.

3.-Creación dun libro: A actividade fundamental durante o trimestre é que os nenos e nenas fagan de autores e escriban cada clase un libro. Terá unha duración de catro sesións:

3.1.- Na primeira sesión o grupo creará unha historia. O animador escollerá a técnica creativa que cree máis axeitada.

3.2.- Na segunda sesión o animador lerá o conto, e os nenos deberán debuxar cada un unha parte do mesmo.

3.3.- Xa estamos en condicións de "editar o libro".

3.4.- Preparación da festa de despedida: Temos que preparar con eles a visita do escritor e a presentación dos libros ós medios de comunicación. As actividades teremos que pensalas segundo o escritor que veña.

4.-Visita do autor: Farase na última sesión do proxecto, nun día determinado. Xuntaremos a tódolos alumnos do centro e faremos a festa preparada na semana anterior.

 
< Ant.