Menu Content/Inhalt
Inicio arrow Para nenos/as arrow Campamentos arrow Campamento Urbano.
Campamento Urbano. Imprimir Correo-e

O CAMPAMENTO URBANO

INTRODUCIÓN

Coa chegada do verán e das vacacións escolares, nenos e nenas teñen máis tempo libre para adicarlle ó que máis lles gusta. Porén, as vacacións dos máis pequenos non coinciden coas dos seus pais e nais. Así, atopamos a unha morea de menores ociosos cunha oferta lúdica pouco variada coa que encher o seu tempo libre. E menos dun xeito educativo.

En Altega apostamos polo xogo e a diversión de nenos e nenas, como parte fundamental no seu crecemento. Por iso, planificamos e programamos as nosas actividades seguindo uns obxectivos educativos, pero aplicando metodoloxías de animación e participativas.

O CAMPAMENTO URBANO

Todos camiñamos polo lugar no que vivimos sen fixarnos moito na historia da pedras que nos rodean, o uso dos edificios que contemplamos, os oficios das persoas coas que nos cruzamos, o funcionamento das nosas institucións...

Un campamento urbano é unha actividade na que, precisamente, o noso lugar de “acampada” imaxinaria é a cidade ou vila na que vivimos ou pasamos as vacacións. Os participantes van ás súas casas a comer e durmir, pero o resto do tempo o pasan aproveitando os distintos espazos cos que conta o concello. Parques, prazas, rúas, casa do concello... todos os espazos poden ser empregados como protagonistas.

Os aspectos lúdicos das actividades programadas son fundamentais. Hai que ter en conta que estamos en vacacións e os nenos e nenas o que queren é gozar do seu tempo libre e divertirse.

DESCRICIÓN

Os Campamentos Urbanos son actividades que contan cunha dinámica de seu, participativa e activa, onde os nenos e nenas son os protagonistas. A súa filosofía é a dunha actividade aberta, sen imposicións restrictivas de ningunha programación nin obrigatoriedade de ir todos os días. Os participantes van ás súas casas para xantar e durmir, agás nalgún día especial. Segundo se vaia desenvolvendo a actividade os monitores vanse adaptando ás necesidades propias dos participantes, modificando ou incluso cambiando aquelas actividades que crean non ser axeitadas ao grupo humano ao que se dirixan.

Adaptariamos a dinámica “estándar” dos campamentos urbanos á configuración social do seu concello. Poden centralizarse as actividades na capitalidade municipal, ou ben facelas itinerantes polas diferentes parroquias. Deste último xeito facilitaríase a participación de todos os nenos e nenas do concello. En todo caso, desde Altega faremos unha programación personalizada e adaptada á súa entidade. Unha vez aprobado o presuposto do seu Campamento Urbano, esta programación será presentada ao persoal técnico municipal para a súa análise e posible corrección.

Como se pode ver no Horario Tipo, tódolos días hai un tempo reservado para os obradoiros. Os que se farán serán algúns dos que se amosan posteriormente.

Existe a posibilidade de incluír algún día un xogo nocturno de xeito especial, dependendo da dispoñibilidade dos participantes. Consistiría na realización dalgún xogo especial, polas rúas da vila.

OBXECTIVOS

  • Favorecer a creación de espazos e tempos creativos para o desenvolvemento persoal.

  • Crear unha experiencia de convivencia, nun clima de festa, ledicia, grupo.

  • Fomentar aptitudes e actitudes para comprender e aprecia-la interrelación entre nós, a nosa cultura e o medio.

  • Mellorar o coñecemento do entorno no que vivimos durante o ano.

  • Divertirse cos nosos amigos e amigas.

  • Adquirir experiencias e habilidades novas.

LIÑAS METODOLÓXICAS

  • Traballo en pequeno grupo, como elemento que favorece a interacción social.

  • Traballar en contacto coa natureza.

  • O adulto/monitor como apoio para o auto-crecemento.

  • A educación pola acción, suxerindo actividades que favorecen a creación de experiencias enriquecedoras.

  • Favorecer a programación dos propios rapaces/as e a autoavaliación das actividades que levan a cabo.

  • Favorecer o xogo social dirixido onde se poñan en funcionamento capacidades lexislativas, xudiciais e executivas.

  • Traballar en clave de coeducación, valorando a participación de cada rapaz/a, na súa condición de home/muller.

DINÁMICA

A actividade do campamento presentada fundaméntase na Aventura. Esta pode definirse como a vivencia, en forma de xogo, dunha gran historia na que todos, monitores/as e participantes, son protagonistas. É un xogo de participación que envolve tódalas actividades, aportando unha liña argumental común.

A dinámica da aventura penetra na definición de espazos, no nome dos días, dos materiais… conseguindo nos nenos e nenas unha maior implicación nas actividades e a sensación de estar vivindo unha auténtica aventura.

Para este fin, escolleremos unha temática atraínte para o campamento. O mundo dos piratas, os indios, a prehistoria, o Camiño de Santiago… non é tan importante a temática en si como o seu posterior desenvolvemento nos distintos elementos que favorezan a maior implicación dos participantes.

HORARIO TIPO

Este é un horario tipo, que haberá que adaptar á súa realidade concreta.

  • 10:30 Acollida dos participantes. Presentación do día.
  • 10:45 Actividade da mañá; en grupos pequenos ou gran xogo.
  • 11:30 Xogos, deportes alternativos e cancións.
  • 13:00 Baño na piscina.
  • 13:30 Despedímonos para xantar.
  • 16:00 Chegada dos participantes. Tebeoteca, ludoteca e actividades.
  • 17:30 Obradoiros.
  • 18:30 Baño e merenda.
  • 19:30 Despedida.
  • 22:00 Actividade nocturna (se hai).
  • ACTIVIDADES

    Entre as actividades de mañá, tarde e xogos a realizar estarán os seguintes:

    • Xogos alternativos: empregando o material non convencional co que conta Altega. Paracaídas, pelotas saltarinas, pelotas inchables, indiakas… e outros elementos destinados a provoca-la súa sorpresa e interese.

    • Adro Popular: espazo adicado aos xogos tradicionais. A chave, a rá, a porca, a mariola, as bolas, as tabas, os bilros… farán que os rapaces e rapazas aprendan aqueles xogos cos que se divertían os seus pais.

    • Rastreo: aprenderán a seguir pistas deixadas polo monte, co fin de atopa-lo final do camiño.

    • Obradoiros: repetiranse varios días, co fin de que os participantes adquiran algún coñecemento novo para o seu tempo libre.

      • Botellas de sal.

      • Atrapa-soños.

      • Pulseiras de fío.

      • Malabares.

      • Monicreques.

      • Figuras de corcho.

      • Móbiles.

      • Maquillaxe.

      • Adornos para o pelo.

      • Papaventos.

      • Papiroflexia.

      • Globoflexia.

      • Tetra-bricks.

      • Teatro.

      • Máscaras.

      • Espellos.

    • Descubertas pola cidade: aventura urbana polas rúas e ruelas en busca de pistas.

    • O grande Xogo da Faba Vingadora: seguindo o estilo do xogo da oca, esta aventura na que participarán por grupos farán que pasen unhas horas entretidos.

    • Safari: xogo destinado a descubrir os animais que rodean a vila.

    • O xogo das árbores: xogo onde os participantes aprenderán a recoñecer as distintas especies vexetais das instalacións dos parques e arredores, contribuíndo así ao seu coidado.

    • Xogos na piscina: co fin de dinamizar o espazo e tempo do baño.

    • Día da aventura: día no que os participantes, equipados co seu bocadillo e acompañados do seu monitor, sairán de excursión polo monte seguindo o camiño que cada grupo escolla. Pola noite poderán contarse as súas experiencias.

    • Ludoteca: espazo con xogos de mesa onde os rapaces e rapazas poderán pasa-lo momento despois do xantar e antes dos obradoiros practicando xogos tranquilos e relaxados. Haberá parchís, damas, xadrez, cartas, palillos chinos… Os monitores aprenderanlles aos nenos e nenas aqueles xogos que eles non coñezan.

    • Tebeoteca: ao igual có anterior, pero neste caso os participantes do campamento poderán disfrutar da lectura relaxada e tranquila dos tebeos que máis lles gusten. Faranse actividades sinxelas de animación á lectura para fomentar a súa participación. Pode compatir o mesmo espazo que a ludoteca.

    • Xogos nocturnos: a busca da princesa prometida, os vagalumes, a caza do xabarín… son xogos que atopan na noite e na escuridade un aliado para o seu perfecto desenvolvemento.

    • Astronomía: observación de estrelas co fin de distinguir as constelacións máis relevantes.

    • Excursión: a algunha cidade achegada, á praia...

    • Actividades de relaxación.

    • Lume de campamento: actividade ao redor do lume para a realización de xogos, probas, cancións…

    As actividades adaptaranse ás idades dos participantes, podendo variar dun campamento a outro.

    Category is not published, is password protected, or does not exist!
     
    < Ant.