CAMPAMENTOS DE VERÁN 2006
INTRODUCIÓN
Os campamentos de verán posibilitan a creación dun espazo de educación, intercambio e experiencia fundamental no desenvolvemento de nenos/as e adolescentes. Nos campamentos de verán apréndese a convivir nun ambiente afastado do entrono familiar cotiá. Melloramos así o proceso natural de maduración do ser humano, mediante unha axeitada programación de activididades lúdicas que non esquecen a educación en valores.
Asemade, a organización de campamentos de verán permítelle ás institucións transmitir unha imaxe de preocupación e compromiso coa súa mocidade. Cada vez son máis as institucións locais e os centros de ensino que ofertan estas actividades. Deste xeito, contribúen a potenciar unha oferta pública sempre escas.
Aquí é onde os concellos (no caso de seren os convocantes), ao ser a administración máis achegada ás necesidades dos cidadáns, teñen unha oportunidade ideal para satisfacer as súas demandas. Asumindo unha parte do custe dos campamentos facilitan que calquera cidadán poida gozar destas actividades.
Ésta é unha das razóns de ser de Altega - Xestión do Lecer, empresa de servicios con ampla experiencia na educación e no tempo libre. Nos nosos campamentos desenvolvemos moitos dos valores presentes no noso proxecto educativo. Coa súa programación:
a súa entidade ofrece unha alternativa de lecer e de calidade para a infancia durante o verán.
pais e nais poden ver como os seus fillos reciben unha alternativa lúdica e saudable para o seu tempo libre, complementaria da educación formal.
ALTEGA organiza campamentos en diversas localidades da nosa comunidade autónoma. A nosa ampla oferta cobre as posibles demandas de calquera peticionario. Ademais, sempre ten a posibilidade de que adaptemos os nosos servicios ás súas necesidades específicas.
ALTEGA responsabilízase de tódolos aspectos legais, económicos, fiscais e laborais destas actividades educativas; liberando aos concellos da realización destes trámites.
A través da nosa Escola de Tempo Libre Animacción (nº G-28 do Rexistro de Escolas de Tempo Libre da Xunta de Galicia) formamos ao noso persoal, o que nos garante un control absoluto na parte máis sensible destas actividades, o monitorado. O noso equipo de monitores provén na súa maioría do mundo da educación e do tempo libre. Isto supón a mellor garantía para vostede: a seguridade dun traballo profesional e personalizado.
OBXECTIVOS
O obxectivo principal dos nosos campamentos de verán e a procura dun espazo educativo onde os rapaces e as rapazas:
entrar en contacto coa natureza dun xeito creativo.
crear unha rede de relacións sociais con iguais.
tomar conciencia do valor das actitudes saudables na súa vida.
desenvolver capacidades alternativas da súa propia personalidade.
desenvolver actitudes positivas para o aproveitamento do seu tempo de lecer.
ACTIVIDADES
O campamento pode ter unha temática común que o faga máis atraínte aos participantes. Ademais, na programación final terase en conta as suxestións do persoal municipal, atendendo ás áreas específicas que se prefiran potenciar.
A programación definitiva entregarase un mes antes do inicio do campamento, para a súa validación polos servicios técnicos do concello.
Entre as diferentes actividades propostas estarán as seguintes:
Actividades na natureza: marchas e sendeirismo, obradoiros de natureza, rastrexo e orientación, observación de fauna e flora.
Actividades de socialización: deportes alternativos, festas, xogos cooperativos, xogos de simulación, excursións, traballo en pequenos grupos...
Actividades de educación para a vida: alimentación san, deportes de esforzo, obradoiro de relaxación e masaxe, obradoiros de respiración...
Actividades de creación: obradoiros de manualidades (papiroflexia, colares, pulseiras, caretas, monicreques, botellas de sal...), teatro, veladas.
Actividades nocturnas: lume de campamento, veladas, noite de contos, xogo dos vagalumes, observación de estrelas, festa de despedida.
Excursión á cidade: visita á algunha cidade próxima (dependerá do campamento), realizando unha excursión polos seus valores monumentais dun xeito lúdico e divertido.
Actividades etnográficas: a fornada de pan, o tear de liño, horta escola e outras tarefas agrícolas tradicionais (dependendo da instalación).
HORARIO TIPO
8:30 A erguerse. Bos Días.
9:00 Almorzo.
10:00 Recollida e presentación do día.
10:30 Actividade do Día.
13:00 Fin da actividade da mañá.
16:00 Actividades sobremesa/descanso.
17:00 Obradoiros.
18:00 Praia e merenda.
19:30 Xogos e preparación de actividade nocturna.
20:30 Aseo.
21:00 Cea.
22:00 Actividade Nocturna.
24:00 A durmir.
Este é un horario xenérico dun día calquera.
Poderá haber variacións algún día
especial, en que se faga unha excursión, por exemplo.
DATOS TÉCNICOS
INSTALACIÓNS
Desde Altega estamos permenentemente visitando as instalacións existentes en Galicia. Buscamos aquelas que nos garanten as condicións que buscamos nas nosas actividades, a súa idoneidade, a seguridade, a calidade da alimentación, a hixiene, as instalacións adicionais, as posibilidades do seu contorno... Estas son alugadas por Altega para a organización dos nosos campamentos, realizando un control directo sobre as súas instalacións, a calidade da alimentación, o seguimento da dieta escollida...
Nestes momentos, por exemplo, contamos cun convenio de colaboración coa alberguería dos Biocos da Vía Nova (San Xoán de Río – Ourense), onde realizamos campamentos de verán, excursións de fin de curso, rutas de sendeirismo...
No ano 2006 levamos a dirección técnicas dos programas de actividades corespondentes aos campamentos de verán que se realizan neste albergue dos Biocos, concertados na “campaña de verán 2006” da Dirección Xeral de Xuventude”.
PERSOAL TÉCNICO
Os nosos campamentos verifican a regulamentación actual en materia de actividades de tempo libre (Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude). Aínda podemos ir máis alá na ratio de participantes/persoal, chegando a unha proporción 1/7 (a obrigación é de 1/10). En todo caso, o persoal dependerá do número de participantes.
Monitores de actividades de tempo libre titulados.
1 Director de actividades de tempolibre.
Monitores especializados para actividades específicas: tiro con arco, sendeirismo...
1 sanitario. Socorrista, ATS ou equivalente, responsable da Caixa de Primeiros Auxilios.
1 ou 2 monitores en prácticas, da nosa propia Escola de Tempo Libre..
COMPROMISOS E GARANTÍAS
A xestión dos campamentos de verán por parte de Altega inclúen as seguintes ventaxas, sen sobrecuste engadido:
Os participantes no campamento están atendidos as 24 horas polo monitores. Nos periodos nos que gocen de tempo libre terán á súa disposición as nosas ludoteca e tebeoteca, onde poder xogar e participar.
Asistencia sanitaria presencial as 24 horas.
Baixo certas condicións, podemos desenvolver unha charla informativa previa no lugar, día e hora que sinale a entidade contratante. Nela, os pais e nais interesados nesta actividade poderán coñecer o perfil dos nosos monitores, as actividades deseñadas, o que deben levar e non os seus fillos, o menú diario, as normas do campamento, o que os seus fillos van facer e o que non van facer...
En Altega temos un respecto escrupuloso de toda a normativa legal en torno á execución deste tipo de actividades (Decreto 50/2000 da Xunta de Galicia), así como da normativa social e laboral (Seguridade Social, contratación, prevención de riscos laborais).
Altega conta cunha póliza de Responsabilidade Civil suscrita por un valor de 300.000 EUR coa compañía Mapfre. Achegarase fotocopia á hora da sinatura do contrato coa súa entidade, se así o solicita. Pódese contratar a maiores un Seguro de Asistencia Sanitaria.
Información diaria vía noso portal de Internet. Haberá información sobre as actividades feitas, comentarios dos participantes, fotografías, mensaxes... Pais, nais e interesados poderán consultar a marcha da actividade.
Ao rematar o campamento faremos entrega dunha memoria á entidade contratante co desenvolvemento das actividades. Tamén entregaremos un CD con recompilación de fotografías dos momentos máis interesantes para a entidade contratante.
En Altega contamos cunhas liñas pedagóxicas de actuación que rexen tódalas nosas actividades.
Persoal coa titulación e/ou experiencia necesaria para as actividades.
Entidade adherida ao Servicio de Arbitraxe de Consumo da Xunta de Galicia.
Avaliación e control: persoal de Altega á marxe do campamento, realizará periodicamente actividades de control e avaliación da marcha do mesmo, da satisfacción dos participantes e persoal directivo, así como das condicións dos lugares de aloxamento.
OBSERVACIÓNS
A programación que se presenta é estándar. Está aberta á inclusión de actividades personalizadas ou de especial interese para a entidade contratante.
Pódense incluír outras actividades como: hípica, piragüismo, orientación, bicicleta de montaña, rappel... dentro das posibilidades que teña a zona, incrementando o presuposto no custe das mesmas.
As tarifas inclúen todos os gastos de xestión, material, persoal, Seguridade Social, trámites administrativos e autorizacións legais para a realización do campamento por parte das autoridades competentes.
Non se inclúen os gastos de transporte dende o domicilio dos participantes ata o lugar do campamento, nin a viaxe de volta. Si se inclúe o custe da/s excursión/s programadas.
|