Menu Content/Inhalt
IV Descampamento Imprimir Correo-e

INTRODUCIÓN

O Descampamento é un proxecto ao que lle temos moito agarimo. Xurdiu xa hai 4 anos da iniciativa particular dun grupo de monitores, con ganas de ter un espazo para a súa expansión, o goce e a formación entre iguais. A idea orixinal: un "campamento de monitores/as pero sen nenos/as". Tratamos de manter un equilibrio entre a formación e o lecer. Deste xeito, gozamos de moitas actividades que, ademais, nos permiten coñecer recursos diferentes para aplicar no tempo libre (sexa en campamentos ou en calquera outra actividade).

Desde o ano 2005, co gallo do III Descampamento a xestión empezou a facela xente da ETL Animacción, dispostos a apostar por este proxecto. A intención é a de formalizar algo máis a organización do Descampamento, a xestión de matrículas, a realización dalgunha actividade máis formativa... Conséguese ademais unha maior difusión do mesmo, ao ser ofertado directamente aos alumnos da escola, así como aos monitores de Altega.

O Descampamento non está reservado a Monitores/Directores de tempo libre, pero si que estes terán preferencia á hora da matrícula. O Descampamento non otorga créditos de libre configuración en ningunha universidade, nin queremos que os teña. Se estamos a traballar na educación "non formal" temos que ser consecuentes con este termo. No Descampamento divertímonos, formámonos e coñecemos xente nova, todo nun par de días.

Outra idea fundamental e que do Descampamento fique algún tipo de iniciativa permanente, ben no lugar onde se realice, ben para a comunidade. Así, nalgunha das súas primeiras edicións realizouse plantación de árbores, sesións de xogos para os veciños... Na III edición creamos unha completa colección de vídeos de cancións e danzas de animación que se ofertan para a descarga gratuíta de todos os profesionais do tempo libre e da educación desde esta web. Nesta edición seguiremos con esta idea: recollers moitos dos materiais elaborados por nós para logo re-distribuílos entre os participantes e entre toda a comunidade. Algúns, con formato de "manual para a auto-formación".

PROGRAMA

Este cadro marcará o horario xenérico do Descampamento. Con todo, durante o mesmo poderá haber modificacións, de xeito que se poderá extender algún módulo que nos parece máis interesante e que se quedou curto. Ademais, o tempo libre, como veredes, non será tal.

Sesión Venres, 15 de decembro Sábado, 16 de decembro Domingo, 17 de decembro
Mañá 1
(10:00)
Homo-ludens
Construcións populares
Mañá 1
(12:00)
CámaraKit Montaña e aventura
Tarde
(16:00)
Bai-Danzai Microespazos varios
Serán
(18:00)
Presentación e "sons, que non ruídos" (ás 19:45 h) Bai-danzai Despedida e peche.
Entrega de diplomas (ás 18:00 h)
Noite
(22:00)
Estrelas e estreliñas. Cancións galegas... e cantos contos...

Cada módulo ten unha duración aproximada de 2 horas. No caso de que algún interese moito, poderá estenderse máis. No tempo libre, haberá diversas propostas denominadas microespazos.

Co cambio de datas polo mal tempo, xurdiron algunha dificultades engadidas. Un dos docentes non pode estar no albergue máis que o sábado e domingo pola mañá, de aí que empecemos o IV Descampamento en Altega co primeiro módulo. Ademais, o módulo de Bai-Danzai adiántase un día tamén por problemas de axenda da monitora.

  • Módulo i: sons, que non ruídos. Unha introdución aos equipos de son, nocións básicas para o manexo dun micrófono, a colocación dos altofalantes, o emprego dunha mesa de son simple... como gravar as nosas cousas, montar unha radio pola Internet e algún programa de sinxelo uso para a edición de son.

  • Módulo ii: estrelas e estreliñas. Para ver o ceo con outros ollos, aínda que sexan os mesmos. Coñecer as constelacións máis simples, iniciarnos no uso de binoculares e pequenos telescopios para a contemplación de certos obxectos, algún mito grego e moito máis. O albergue conta cunha cúpula astronómica e un telescopio de tamaño medio ideal para a astronomía.

  • Módulo iii: montaña e aventura. Introdución ao material preciso para algúns dos deportes aventura máis sinxelos. O trekking, o sendeirismo, requisitos para homologar unha ruta de sendeirismo, o material de escalada, elementos para un rápel para ser seguro... e, ao mellor, montamos unha tirolina para tirarnos por ela.

  • Módulo iv: CámaraKit. Seguindo co grande éxito da cámara estenopeica do ano pasado, desta volta ímonos centrar noutros aspectos. Así, a construción da nosa propia cámara de cartón só nos levará 5 minutos, xa que empregaremos unha plantilla. Poderemos centrarnos máis na realización de fotos e no seu revelado.

  • Módulo v: homo ludens. Unha chea de xogos e divertimentos para pasar o rato. Por que non un campionato de Latrunculi no noso campamento? Ou de Jingle-jingle? E, que hai do muíño? Xogos para todos os públicos, rápidos e sinxelos de aprender. Tradicionais uns, da época romana outros, modernos e contemporáneos... para todos os gustos. Agrupamos neste módulo unha chea de microespazos que estaban previstos.

  • Módulo vi: cancións galegas de animación. Á hora de realizar unha actividade ou un campamento en Galicia, cremos que debe ter certo valor engadido e cando menos, contar cunha base no país. Moitas das cancións e danzas de animación que aprendemos cando nos iniciamos no mundo da animación son intraducíbeis ao galego polo que a súa adaptación é complicada. Neste módulo pretendemos introducir algunhas cancións e danzas galegas e en galego. Algunhas tomadas da nosa tradición, outras do “agro-rock”. Todas nos axudarán a botar unhas risas con pequenos e maiores. Ademais, gravándoas en vídeo contaremos con outra chea de recursos xerados nesta edición do Descampamento.

  • Módulo vii: cantos contos contas ti?, e ti?, e ti?... Unha breve introdución á comunicación oral, como narrar unha historia e, de seguido, todos poderemos contar as nosas. Outras técnicas de narración de historias como o teatro lido serán presentadas. Ademais, poderemos realizar as nosas primeiras gravacións dixitais da narración.

  • Módulo viii: construcións populares: latrinas, haimas e nós. De verdade sabemos construír unha latrina cando estamos no monte? Que precisamos para que teña as necesarias condicións hixiénicas? E unha haima para pasar unha noitiña sen ter que estar ao relente? Que tipo de nós son os realmente útiles e para que?

  • Módulos ix e x: Bai-Danzai. Danza e baile. Tanto para verbenas, como tradicional. Non faremos o ridículo cando esteamos cos amigos e poderemos organizar pequenas actividades cando soe a música. Na primeira parte, verbena e baile popular. Na segunda parte, música e baile tradicional. Todo ao cargo da directora do estudio de baile Bayamo.

  • Microespazos: eses momentos das sobremesas para o descanso e o relax. Teremos: a cometa vasureta, voado e guiado de papaventos acrobáticos, como cocer barro nunha maceta, o porquiño engraxado, azurriaga la melondra, o debate, revelado en B/N... Algúns destes, se vemos que interesan moito, poderán cubrir o espazo dalgún módulo.

NOTA: todos aqueles que queirades participar no microespazo de revelado en B/N deberedes traer unha cámara analóxica (non ten que ser réflex) e, a poder ser, con película en B/N.

Dúas ou tres semanas despois do descampamento (dependerá da dificultade dos materiais a editar) enviarase por correo a cada participante un CD ou DVD con fotografías das actividades, así como diversos materiais.

Datas: 15, 16 e 17 de decembro.

Horario: desde as 19:45 horas do día 15 ata as 18:00 ou 20:00 horas do día 17 de decembro.

Lugar: alberguería "Os Biocos da Vía Nova", situado no interior da provincia de Ourense, entre Castro Caldelas e a Pobra de Trives (concello de San Xoán de Río).

Tarifas:

  • Normal: 85 €.

  • Colectiva: 60 € (mínimo tres persoas).

  • Reducida: 45 €. Traballadores de Altega - Xestión do Lecer, alumnos e socios de Animacción, asistentes a edicións anteriores do Descampamento.
Matrícula confirmada co ingreso desta cota na conta correcte que figura no cupón de inscrición. Podes pagar todo xunto ou en dous prazos de 42,50 € cada un, debendo estar a matrícula completada antes do inicio da actividade.

Descontos especiais: 10 % para alumnos/as da escola de tempo libre Animacción e 45% para traballadores de Altega.

Prazas: ata un máximo de 50. De superar as 25-30 prazas realizaranse 2 grupos nas que o precisen.

LIGAZÓNS

 
Seg. >