| Boletín didáctico de ciencia: artigo preliminar |
|
|
|
Cando a Lúa se tingue de sangue... Na noite entre o 3 e o 4 de marzo de 2007, se o tempo acompaña, poderemos ollar unha eclipse total de Lúa. Un evento astronómico que será moi especial, por varios motivos.
Iso deberon pensar os mariñeiros atenienses cando no momento de embarcar para loitar contra os soldados de Siracusa, a Lúa virou nunha cor vermella que arrepiaba. E sen avisar. Era daquela o século V a. C. e, tal foi o medo que colleron que non embarcaron ata dúas semanas despois. No entanto, os seus inimigos tiveron tempo para reorganizar as tropas e dar boa conta deles. Moito mellor lles tería ido se atenderan ás explicacións do seu compatriota Anaxágoras que, unhas décadas antes, dera a primeira explicación racional sobre as eclipses. Quen si estaba ao tanto da orixe das eclipses e das súas efemérides era Cristóbal Colón cando. A principios do século XVI precisou da axuda dos indíxenas de Xamaica para saír da illa. Porén, estes non querían darlle nin alimentos nin transporte. Axudado por un tratado europeo que recollía as datas probables das eclipses de Lúa, aproveitou a concorrencia dunha delas para amenazar aos indíxenas con ocultar para sempre á Lúa. Deste xeito, conseguiu todo o que precisaba deles. Sabios árabes do século X tiraron un proveito máis científico da súa predición de eclipses de Lúa. Facendo medicións da hora desde lugares alonxados do paso da sombra da eclipse polos cráteres da Lúa máis destacados, fixeron medidas precisas das distancias entre os postos de observación terrestres. Así, tiveron un coñecemento máis preciso do Mediterráneo e dos países circundantes. A eclipse deste sábado, 3 de marzo Unha eclipse de Lúa non será tan espectacular coma unha de Sol. Porén, son máis frecuentes, moi fermosos e asequibles a todo o mundo. Poden ser contemplados sen ningún tipo de instrumento especial, sen protección, desde calquera lugar... só hai que levantar a vista e buscar a Lúa. A eclipse total de Lúa do 3 de marzo ten varias cousas especiais:
Que imos ver? A Lúa nin tan seguera desaparecerá. A sombra da Terra proxectarase sobre a superficie da Lúa, máis os raios do Sol serán refractados pola atmósfera terrestre e incidirán en gran medida na superficie lunar, adquirindo unha cor vermella. O ton da cor da Lúa pode ser un bo indicador do grao de contaminación atmosférica, a nivel de pó en suspensión, restos de explosións volcánicas... O efecto é o mesmo que acontece nos solpores do verán. A atmósfera absorbe as cores azuis do espectro da luz branca, difundindo os tonos vermellos. Durante a eclipse imos destacar catro momentos importantes, correspondentes aos puntos de contacto dos discos da Terra e da Lúa. As horas en Galicia dos principais puntos de contacto da sombra da Terra sobre a superficie da Lúa son os seguintes (para unha localidade do centro de Galicia):
Ademais, algo máis dunha hora antes do primeiro contacto e unha hora despois do cuarto contacto danse as fases penumbrais, onde a Lúa entra na zona de penumbra da Terra, pero o cambio de luminosidade será imperceptible a simple vista. As horas indicadas son aproximadas, poden oscilar algo dependendo da nosa altitude, así como da latitude e lonxitude reais. Que podemos facer? O máis sinxelo, ollar a eclipse en boa compaña. Desde o primeiro momento, para apreciar perfectamente os cambios de coloración que se vaias producindo. Contas cuns simples prismáticos? Entón, cuns pequenos coñecementos da xeografía da Lúa, poderás realizar medicións do paso da sombra por algús dos cráteres máis destacados. Se tes un telescopio úsao con poucos aumentos; así poderás ollar o disco lunar completo. Onde podemos velo? En calquera zona onde se poida ver a Lúa durante o tempo que dura a eclipse, sen árbores nin edificios que poidan estorbar. Se o lugar é algo escuro moito mellor, pois evitamos contaminación lumínica. Non é preciso saír da cidade, como para outras actividades de astronomía. Consulta a prensa local e seguro que hai algunha agrupación astronómica próxima que realice algún acto público de visión colectiva. En Ourense, realizarase un acto público na Alameda, con diversos aparellos de observación. Texto da redacción de hidroXEN - Boletín Galego de Ciencia. Editado pola Asociación Animacción, co apoio de Altega S. L. |
| < Ant. |
|---|


