Menu Content/Inhalt
Inicio arrow Servizos educativos arrow Actividades extraescolares arrow hidroXEN. Número 0. Os Viaxeiros do espazo.
hidroXEN. Número 0. Os Viaxeiros do espazo. Imprimir Correo-e

hidroXEN nº 0. Marzo de 2007 

Sección: eses tolos cacharros.

Os Viaxeiros do espazo.

O nome que lles puxo a NASA foi Voyager 1 e Voyager 2: dúas sondas espaciais automáticas que foron enviadas ao espazo hai... 30 anos. Son os vehículos fabricados polo home máis rápidos e afastados da Terra. A velocidade da Voyager 1 é de 17 km/s ou, o que é o mesmo, máis de 60.000 km por hora. Parece moito? Pois, a pesares de levar xa 30 anos de viaxe (cúmprense este verán) aínda están saíndo do Sistema Solar. Aí ao lado, se temos en conta o inmenso que é o universo.

Imaxe da Voyager 1 e 2

Por que son tan especiais? A pesares de levar unha tecnoloxía obsoleta (nada de ordenadores con Windows nin cousas semellantes), do seu tamaño (coma un coche de 800 quilos), dos instrumentos científicos anticuados (moitos deles agora apagados para aforrar enerxía)... axudaron a resolver moitos dos enigmas do noso Sistema Solar. Fotografaron e mediron de preto os grandes planetas (Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno), os seus satélites (descubrindo algúns novos) e fenómenos extraordinarios, como xigantescas explosións volcánicas en Ío (satélite de Xúpiter). Tomaron fotos imposibles de facer desde a Terra ata hai uns anos. Hoxe realizan medicións científicas buscando o límite de influencia do Sol ao saír do noso sistema. Porque si, aínda funcionan.

Para a viaxe, porén, non usaron a enerxía nuclear. Foron das primeiras sondas en valerse da atracción gravitatoria. Un mecanismo algo lento ao comezo pero moi barato. Como funciona? Envíase a nave cara un planeta (ou cara ao Sol), xusto o suficientemente preto para que sexa atraída pero non tanto como para ficar na súa órbita. Así, é atraída e logo empurrada cun impulso maior cara o seguinte obxectivo. As sondas Voyager empregaron os impulsos gravitatorios de moitos dos planetas seguindo unha curiosa traxectoria aproveitando que estaban no seu camiño.

Hoxe, a Voyager 1 está chegando a unha zona inexplorada, onde a influencia do Sol apenas é perceptible, máis alá da órbita de Plutón. Un lugar onde os nosos telescopios son incapaces de ver nada porque non hai nada que emita luz. As súas viaxes rematarán... nunca. Aínda que esgoten a súa enerxía para transmitir datos, ao non haber resistencia co aire seguirán avanzando polo espazo eternamente, ou case. De todos xeitos, pasarán miles de anos antes de que cheguen preto dalgunha outra estrela. E para entón, quen sabe onde estará o home!Disco de Ouro das Voyager

 

Por se acaso, xunto cos instrumentos científicos levan un disco de ouro gravado cunha mensaxe humana a posibles civilizacións extraterrestres que, algún día, puideran chegar a atopar a nave. É como botar unha botella cun papeliño nun enorme océano, pero demostra ata onde pode chegar a humanidade na súa ansia polo coñecemento científico. Queres saber que hai inscrito nese disco?


Disco de ouro da Voyager.

 

Descargar exemplar completo hidroXEN nº 0. Marzo de 2007 (pdf, 1,11 MB)
 
< Ant.   Seg. >