| hidroXEN. Número 0. Feynman. |
|
|
Sección: na vida de... Na vida de... Feynman.Ring, ring... — Sr. Feynman, por favor?. — Si, o mesmo. — Bos días, chamo da compañía aeronáutica X (unha das gordas). Imos abrir un departamento para investigar a posibilidade de construír avións movidos por enerxía atómica e queriamos contar con vostede para dirixir o proxecto. O tr... — Desculpe, pero creo que se equivoca de persoa. — Non é vostede Richard P. Feynman? — Si, exacto. — Entón non estamos equivocados. Vostede é a persoa axeitada para o traballo, en California, na sé da nosa empresa. Será o director do departamento de I+D, contando con X investigadores, e cobrará X dólares (unha gran cantidade para o ano da conversa, sobre 1950). Feynman, tras cortar de novo ao seu interlocutor, logrou que este lle explicase como conseguiran os seus datos personais. O seu nome aparecía no rexistro da patente de avións propulsados por enerxía atómica!! e comezou a lembrar. Anos antes, investigando no "proxecto Manhattan" para crear a primeira bomba atómica no laboratorio de Los Álamos (EUA), un funcionario do goberno animou a todos aqueles xenios da física e da matemática a que rexistraran as patentes que se lles ocurriran. Estaban a desenvolver unha técnica nova e as súas aplicacións seguro que habían de ser enormes. Feynman, un mozo de vinte e poucos anos e recén licenciado, dixo que aquilo era unha tontería. Non ían acabar nunca de rexistrar ducias de ideas: un submarino, un avión, un barco, unha planta de electricidade... todo funcionando con enerxía atómica. Uns meses despois o funcionario chama por Feynman. O do submarino non era posible, xa había a patente. Pero os outros tres inventos aínda estaban sen rexistrar e, como daquela estaba traballando para o goberno, as patentes debían ser cedidas ao mesmo. Ao asinar o contrato Feynman leu que debía recibir "1 dólar" por cada patente. De nada valeron as explicacións do funcionario: que se o do dólar era algo simbólico, un legalismo, só era un dólar, non había partida orzamentaria para facer aqueles pagamentos... Ao final, tivo que darlle os tres dólares do seu propio peto. O triunfante Feynman gastounos en lambonadas e chocolatinas coas que invitou aos seus compañeiros do laboratorio, berrando ben alto de onde saíra o diñeiro. Faltoulles tempo a todos para esixir os seus "dólares simbólicos" das patentes que xa rexistraran. Non se sabe de onde os sacou o funcionario para pagarlles. Ah! E Feynmann rexeitou a oferta da compañía aeronáutica pois, nas súas palabras, "estou moi a gusto como profesor en Cornell". E tan a gusto; aínda estaba por ganar un premio Nobel. Descargar exemplar completo hidroXEN nº 0. Marzo de 2007 (pdf, 1,11 MB) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


